FSC-CCOO Galicia | 29 abril 2024.

8M Todo o ano, todo o tempo. POLA IGUALDADE DE XÉNERO
  • Menú Documentos

    CCOO considera ilegal anular a Convocatoria da praza de Inspector ppal. da Policía Local de Ferrol.

      A Resolución de anulación da praza da oferta de emprego do ano 2019, é do anteior Concelleiro de Seguridade e Tráfico, ditada o 15/02/22, en base ao informe do Xefe da Policía Local do Concello de Ferrol que ten a categoría de Inspector.

      28/02/2024.
      Xefatura Policía Local do Concello de Ferrol.

      Xefatura Policía Local do Concello de Ferrol.

      Os sindicatos CCOO e UGT no Concello de Ferrol presentaron unha solicitude de nulidade de pleno dereito da resolución do Xefe da Policía Local e do Concelleiro de Seguridade e Tráficodo Concello de Ferrol, ditada o 15/02/22. Este acto administrativo foi a base para a anulación da praza de inspector principal de Policía Local, recollida na oferta pública de emprego de 2019.

      Os representantes sindicais tiveron acceso a esa información o 03/01/23 e les foi entregada a documentación o 01/06/23, pola concelleira socialista de RRHH daquel momento.

      Nesta serie de documentos pódese detectar sen dúbida que nin a concelleira nin a corporación tiña constancia da anulación da única praza de inspector principal de Policía Local, aprobada na oferta pública de emprego do ano 2019. E que ademais, fíxose sen respectar as canles preceptivas nin tendo a responsabilidade ou poder necesario e a pesar diso foi admitido pola AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública). Tras esta ilegalidade escondese manter a Xefatura do corpo nun inspector, cando tiña que ser inspector principal.

      Nin o xefe da Policía Local podía exercer esa petición nin o concelleiro da área podía dar a súa visto e prace, posto que ningún deles tiña competencias respecto diso e infrinxían o procedemento establecido para o efecto.

      Despois de valorar as opcións, o Goberno actual foi informado desta iniciativa polos delegados dos sindicatos mencionados e foi requirido para que tomase medidas ante o que consideran un abuso e unhas atribucións non contempladas na lexislación vixente.

      Esta acción do Xefe de Policía é un comportamento que desgraciadamente é repetitivo e continuado en contra dos dereitos do conxunto de traballadores do negociado. Algúns exemplos son:

      •  A imposición de quendas irregulares a certos empregados públicos (en contra da normativa municipal para o efecto)
      • A regulación subxectiva e arbitraria de certos dereitos individuais relacionados con enfermidades graves de familiares.
      • Asunción de funcións que non lle corresponden e que exceden a súa capacidade organizativa, como é o caso do intento de coacción mediante a fórmula de instrucións e directrices internas.
      • Intento de vulneración á liberdade sindical cunha norma interna que posteriormente foi derogada, tras o aviso de recorrer á vía xurisdicional.

      Todos estes temas foron restituídos á situación orixinal grazas á interposición das correspondentes peticións na Mesa de Negociación do Concello de Ferrol, dando respaldo ás peticións destes dous sindicatos.

      Nos últimos días, o responsable da Policía Local volveu a manifestar a súa deriva autoritaria mediante a negativa para tramitar o permiso dun traballador ante o ingreso hospitalario dun familiar de primeiro grao. Hai que lembrarlle ao Xefe que a súa única función é elevalo ao departamento de RRHH.

      O desexable sería un Xefe de Policía Local que estivese dedicado ás funcións que lle corresponden, respectando as indicacións dos seus superiores, pero centrado en desenvolver as capacidades profesionais do conxunto de traballadoras e traballadores que integran a Policía Local. Desgraciadamente, a día de hoxe, esta situación dista moito do que debería ser.