FSC-CCOO Galicia | 31 Marzo 2025.

AGORA SI TOCA
  • Menú Documentos

    Manifesto conxunto de CCOO e UGT polo 8M do 2025

    Igualdade real, compromiso sindical

      As Confederacións Sindicais de UGT e CCOO, ante a xornada reivindicativa mundial do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, manifestamos o noso firme compromiso coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente no ámbito laboral. É un obxectivo prioritario e irrenunciable polo que traballamos acotío coa nosa actividade sindical en todos os escenarios en que estamos, especialmente nos centros de traballo.

      24/02/2025.
      Temas
      8M 2025

      8M 2025

      Nesta xornada reivindicativa polos dereitos das mulleres e a igualdade, manifestamos a necesidade de adoptar medidas máis eficaces para conseguir a igualdade real e efectiva de mulleres e homes na nosa sociedade, con garantías nos resultados e, de forma máis específica, no mundo laboral, onde a discriminación por razón de sexo e as fendas de xénero seguen presentes.

      Recoñecemos os avances lexislativos dos últimos anos, que consideramos moi positivos, se ben é certo que os datos sobre a situación das mulleres no ámbito laboral —aínda que hai máis ocupadas e afiliadas á seguridade social ca nunca, 10,1 millóns— seguen a ser moi preocupantes. Confírmase unha vez máis que, malia a superación da crise económica, a mellora do emprego e das condicións laborais, as fendas no mundo do traballo entre mulleres e homes seguen sen avances significativos na súa eliminación.

      Segundo datos anuais do INE/EPA 2024:

      — A fenda de xénero na taxa de actividade sitúase en 2024 case nun 10 % (9,99 %). Mentres a taxa de actividade das mulleres supón o 53,91 %, nos homes alcanza o 63,90 %.

      — Na taxa de emprego, a fenda entre mulleres e homes é de 10,34 puntos porcentuais de diferenza. En 2024, as mulleres sitúanse nunha taxa de emprego do 47,07 % fronte ao 57,40 % da dos homes.

      — Na ocupación, as mulleres seguen mantendo grandes diferenzas cos homes. Do total de ocupación a xornada completa, con datos mellorados por efecto da reforma laboral froito do Diálogo Social, 10 816 475 son homes, fronte a 7 903 175 mulleres, mentres que na ocupación a tempo parcial (con condicións laborais máis precarias), as mulleres son maioría. Do total de ocupación a tempo parcial, 2 149 300 son mulleres, fronte a 784 975 homes. É dicir, 7 de cada 10 empregos a tempo parcial desempéñanos mulleres.

      — No tipo de duración do contrato tamén existen importantes diferenzas. No último ano, a contratación indefinida gañou 600 mil persoas máis, a metade, mulleres. Pero seguen sendo maioría os homes: 8 235 775 fronte a 7 274 125 mulleres. Na contratación temporal, malia a redución da taxa da temporalidade á metade, consecuencia tamén da reforma laboral, son maioría as mulleres: 1 638 625 mulleres fronte a 1 291 275 homes.

      — No desemprego, as máis afectadas seguen sendo as mulleres. En 2024, 1 459 525 mulleres estaban en paro, fronte a 1 311 175 homes. A taxa de paro feminina sitúase en 12,68 %, mentres que a taxa masculina é de 7,78 %.

      E en materia de retribucións, a última fenda de xénero que coñecemos, con datos da Enquisa de Estrutura Salarial de 2022, é de 17,09 % segundo a metodoloxía do INE.

      Eliminar estas fendas, os desequilibrios na asunción de coidados familiares e labores domésticas, cun efecto claramente negativo para as mulleres en detrimento do seu desenvolvemento profesional, persoal e económico, así como eliminar a violencia que sofren maioritariamente as mulleres en todos os ámbitos, incluído o laboral, son obxectivos ineludibles polos que loitamos e loitaremos sen descanso ata acadalos.

      Ante todas as desigualdades e as discriminacións que seguen sufrindo as mulleres e pola eliminación dos patróns machistas que seguen imperando na nosa estrutura social e as resistencias que presentan para a súa desaparición, CCOO e UGT unimos as nosas voces neste 8M xunta o movemento feminista nacional e internacional.

      Este 8 de Marzo lembramos tamén as mulleres do mundo que nas súas realidades cotiás están máis expostas ás violencias patriarcais e ao recorte dos seus dereitos: as mulleres de Afganistán, de Irán, as que sofren xenocidios e violencias en guerras e conflitos, as que ven recortados os seus dereitos reprodutivos.

      Chamamos as traballadoras e traballadores a participaren de forma activa nos distintos actos e manifestacións que se convocan con motivo do 8 de Marzo, desde o convencemento de que unindo forzas gañamos avances en igualdade, en progreso social, en democracia e en dereitos das mulleres.

      [Podes ler o manifesto completo no documento anexo a esta nota informativa ou picando aquí].