FSC-CCOO Galicia | 31 Marzo 2025.

AGORA SI TOCA
  • Menú Documentos

    Manifesto de CCOO polo 8M do 2025

    A forza transformadora do feminismo sindical - #AfiliadasXuntasFortes

      Desde CCOO apostamos polo feminismo sindical como elemento substancial de transformación ante as vellas estruturas e normas patriarcais e ante os novos movementos reaccionarios.

      25/02/2025.
      Temas
      A forza transformadora do feminismo sindical

      A forza transformadora do feminismo sindical

      O feminismo sindical énchenos de enerxía e de esperanza porque nos liga á longa cadea de manifestacións de reivindicación e rebeldía das mulleres que nos precederon: as do téxtil, as cigarreiras, as mestras, enfermeiras, dependentas, as xornaleiras, as da dependencia e axuda a domicilio... O feminismo sindical é a enerxía que está presente desde a Revolución Industrial, cando as mulleres traballadoras en manufacturas e fábricas loitaron por mellores condicións laborais, protagonizaron folgas, protestaron polos baixos salarios, polas longas xornadas, pola necesidade de conciliación e contra a violencia sexual. O feminismo sindical é a esperanza que, a partir do exemplo das que foron, anima a loita das que estamos, sendo suxeitos da historia de noso, para crearmos mellores mundos posibles. 

      Non foi doado, non nos regalaron nada e tivemos que loitar para acceder a un ámbito laboral que se nos negaba; pero estamos superando todos os atrancos que nos puxeron para lograr un emprego que nos permite obter autonomía e independencia económica. Neste momento hai máis mulleres empregadas ca nunca. Somos máis de dez millóns de mulleres traballando retribuidamente en 2024, un 46 % da forza laboral. Aquí estamos! Aínda que tamén estamos reivindicando mellores condicións laborais. 

      A negociación de máis de vinte mil plans de igualdade está pondo a funcionar o feminismo nas empresas, pero hai que seguir #AfiliadasXuntasFortes exercendo a acción sindical para combater as fendas laborais que aínda persisten: fronte a unha menor taxa de emprego, unha maior taxa de desemprego, a enorme parcialidade e a maior temporalidade. Acabar coa parcialidade feminina involuntaria desde a negociación colectiva ou mediante algunha norma, así como revisar os criterios de asignación de valor do traballo que se traducen en complementos maioritariamente masculinizados son retos urxentes para o feminismo sindical de CCOO. 

      A pesar de termos máis formación e mellores currículos, persiste a fenda salarial de xénero nun 19,6 %. É certo que esta fenda se reduciu de maneira considerable, preto de 10 puntos, grazas á suba do smi (un 61 % desde 2018), a valoración de postos de traballo con perspectiva de xénero e as subas dos salarios das categorías máis baixas, froito de utilizar a negociación colectiva como mellor estratexia de igualdade laboral. Lograr a igualdade salarial para os traballos de igual valor é outro exemplo de feminismo sindical polo que CCOO leva tempo esforzándose dentro e fóra dos centros de traballo. 

      A acción sindical non fica pechada nas paredes das empresas, e é imprescindible conectar os espazos públicos, privados e domésticos como o feminismo nos ensina. Revalorizar o traballo formal e informal de coidados e acadar unha maior corresponsabilidade son imprescindibles para conseguir a igualdade. Desde o feminismo sindical de CCOO esíxese que cada parte asuma a súa responsabilidade. A cidadanía ten dereito ao coidado e o Estado debe ser garante deste dereito polo que, amais dunha rede universal e pública de políticas de coidado, desde CCOO esiximos un gran pacto estatal polos coidados e formulamos máis de 100 propostas sindicais nesta materia. Pero tamén as empresas e os homes deben asumir a súa responsabilidade. #AfiliadasXuntasFortes temos que seguir dando pasos para acabar coa histórica división sexual do traballo. 

      O traballo sindical realizado tamén está axudando a reducir a enorme fenda nas pensións, pero aínda debemos avanzar para conseguir a paridade e acabar coas múltiples violencias. CCOO, como sindicato feminista, pretende que o seu activo sindical se constrúa como un cordón de seguridade fronte ao acoso sexual no traballo e arredor del. A negociación e aplicación dos protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo é só unha das medidas que se levan aplicando desde hai máis dunha década. Porque sobre as mulleres vítimas de violencia non debe caer a responsabilidade de contalo, este sindicato asumiu esta tarefa. A través do Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo, CCOO está visibilizando a violencia sexual no traballo e, ademais, proporciona ferramentas de orientación ás vítimas e ás delegadas e delegados sindicais para que saiban actuar eficazmente fronte a esta violencia. E facémolo desde unha mirada interseccional, de xeito que se poña unha maior atención sobre os colectivos máis precarizados: as mozas, as mulleres migrantes e outros suxeitos minorizados ou que poidan atoparse en situacións de vulnerabilidade. E, a pesar de todo, sabemos que aínda non abonda, que debe desenvolverse plenamente o Convenio 190 da OIT e que se necesita moito máis e en todos os ámbitos.

      Este 8 de marzo, desde CCOO queremos achegar o noso esforzo sindical ao movemento feminista para que #XuntaseUnidas sexamos moitas máis, máis fortes, molestas, arriscadas, alegres e combativas para, desde a sororidade, lograr dar cabo da orde patriarcal e alcanzar a equidade. 

      Xuntas e unidas non desistiremos no noso empeño por acabar con todas as violencias machistas, as múltiples discriminacións laborais e a falta de autonomía e liberdade. Seguiremos apostando por este #FeminismoSindical que nos fará mulleres máis autónomas, felices e independentes.

      Desde o #FeminismoSindical de CCOO instamos a toda a afiliación a seguir traballando pola equidade laboral cada día, e de modo especial este 8 de marzo, animámola a sumarse ás mobilizacións que o movemento feminista teña convocadas nas distintas localidades. 

      #AfiliadasXuntasFortes para lograr transformar a través do feminismo a realidade social de todas as mulleres.

      Documentación asociada
      Documentación asociada