FSC-CCOO Galicia | 30 Xuño 2025.

  • Menú Documentos

    Folga nas oficinas de Estranxeiría e concentracións diante das Subdelegacións do Goberno

      CCOO convocou folga este luns, das 9 ás 11 horas, nas ofinas de estranxeiría, así como concentracións diante das Subdelegacións do Goberno, para denunciar a sobrecarga de traballo após a entrada en vigor do novo regulamento.

      16/06/2025.
      Concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense

      Concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense

      Desde o pasado 20 de maio, data en que comezou a surtir efectos o novo Regulamento de Estranxeiría, a carga de traballo aumentou ata niveis sen precedentes: en só once días, o número de trámites iniciais aumentou de maneira significativa, chegando a triplicarse na maior parte das oficinas.

      Segundo os datos recollidos entre o 1 e o 19 de maio (con códigos antigos) e do 20 ao 31 de maio (con códigos novos), o volume de expedientes iniciais xestionados nas provincias galegas experimentou un crecemento alarmante:

      — Na Coruña, os trámites pasaron de 277 a 447 (suba do 61,37 %).

      — En Pontevedra, o volume de expedientes aumentou de 139 a 308 (suba do 121,58 %).

      — En Lugo rexistrouse un crecemento importante: de 93 a 141 trámites (suba do 51,61 %).

      — En Ourense, os expedientes multiplicáronse por cinco, pasando de 34 a 185, reflectindo un forte incremento da carga de traballo (suba do 444,12 %).

      Este incremento replicouse practicamente en todas as provincias españolas, con aumentos que oscilan na meirande parte dos casos entre o 50 % e o 150 % —número superado amplamente no caso de Ourense—, xerando unha sobrecarga xeneralizada nas oficinas de Estranxeiría.

      CCOO denuncia que, se ben o novo regulamento busca mellorar a situación das persoas estranxeiras, non tivo en conta o impacto sobre quen debe xestionar estes trámites: traballadoras e traballadores que afrontan condicións laborais e económicas cada vez máis precarias. A falta de persoal e medios adecuados está provocando atrasos na tramitación dos expedientes, afectando tanto á cidadanía estranxeira como ao propio persoal público.

      O sindicato insta o Goberno a tomar medidas inmediatas para aliviar a carga de traballo e mellorar as condicións laborais, advertindo que, de non obter resposta, continuará coas mobilizacións nas vindeiras semanas.