FSC-CCOO Galicia | 17 Febreiro 2026.

  • Menú Documentos

    Día Internacional da Nena e da Muller na Ciencia

      Desde que foi proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2015, o 11 de febreiro conmemórase cada ano o Día Internacional da Nena e da Muller Ciencia

      11/02/2026.
      Dia Internacional da Nena e da Muller na Ciencia

      Dia Internacional da Nena e da Muller na Ciencia

      O 11 de febreiro recórdanos a importancia de garantir a plena participación das nenas e das mulleres na ciencia, non só como unha cuestión de xustiza social, senón como unha necesidade para o progreso colectivo. A ciencia e a tecnoloxía configuran o presente e o futuro das nosas sociedades, e deixar fóra do coñecemento e da innovación á metade da poboación supón limitar o desenvolvemento social, económico e humano.

      A pesar dos avances, as nenas seguen atopando barreiras e estereotipos que condicionan as súas vocacións científicas e tecnolóxicas. A falta de referentes femininos visibles, os sesgos de xénero e a persistencia de mensaxes que asocian determinadas capacidades aos homes continúan influíndo nas súas decisións académicas e profesionais. Por iso, é fundamental visibilizar o traballo das mulleres científicas e fomentar contornas educativas que impulsen a curiosidade, a confianza e a participación das nenas nas áreas STEM.

      Neste contexto, as redes sociais presentan un dobre desafío. Por unha banda, poden ser ferramentas de divulgación e acceso ao coñecemento; pola outra, tamén reproducen estereotipos, presións estéticas e discursos que afectan especialmente ás nenas e adolescentes, condicionando a súa autoestima e afastándoas de espazos onde se valora o pensamento crítico e o esforzo intelectual. A exposición a contidos sexistas, a desinformación ou o acoso dixital constitúen riscos que deben abordarse desde a educación e a corresponsabilidade social.

      Promover unha presenza activa e recoñecida das mulleres na ciencia contribúe a xerar referentes positivos, combater prexuízos e construír modelos máis diversos e inclusivos. Apostar pola educación científica con perspectiva de xénero significa ofrecer ás nenas a liberdade de imaxinarse científicas, investigadoras ou tecnólogas, e garantir que o talento non quede limitado polo xénero. Porque unha ciencia máis igualitaria é tamén unha ciencia mellor e unha sociedade máis xusta.

      CCOO reivindica o papel fundamental das mulleres na ciencia e na educación como motor de igualdade e progreso social. É necesario impulsar vocacións científicas nas nenas, eliminar estereotipos de xénero e garantir recursos educativos que promovan unha participación plena, diversa e igualitaria en todos os ámbitos do coñecemento e da investigación.