FSC-CCOO Galicia | 15 Maio 2026.

  • Menú Documentos

    CCOO, critica que medio rural volva encomendar a SEAGA a extinción de incendios forestais e reclaman que o persoal de extinción sexa 100% publico

      CCOO amosa a súa rotunda oposición ao anuncio da Consellería do Medio Rural de volver encomendar a SEAGA unha parte esencial do dispositivo de reforzo contra os incendios forestais, en lugar de apostar polo reforzo directo do servizo público e pola creación de emprego estable na Administración.

      07/05/2026.
      Extinción de incendios forestais

      Extinción de incendios forestais

      Segundo a proposta coñecida no día de hoxe, o operativo previsto para 2026 estaría composto por 42 brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais, cun total de 181 bombeiros/as, durante un período de 90 días, baixo o mando único previsto no PLADIGA. O documento indica ademais que se está a tramitar un encargo para que sexa SEAGA a que asuma este reforzo, así como que as contratacións se fagan inicialmente mediante contrato por circunstancias da produción.

      Para CCOO, esta decisión volve incidir nun modelo que externaliza e precariza funcións estruturais e permanentes do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais (SPIF). A organización sindical considera inaceptable que necesidades que a propia Administración recoñece como recorrentes se sigan cubrindo con fórmulas temporais e a través dunha empresa pública, en vez de seren integradas no cadro de persoal da Xunta con emprego público, dereitos plenos e garantías de continuidade.

      O sindicato subliña que o propio documento admite que, se esta necesidade se mantén no tempo, habería que modificar o cadro de persoal descontinuo e crear os postos necesarios. Por iso, denuncian que a Consellería chega tarde, improvisa unha vez máis e insiste nunha solución provisional para cubrir carencias estruturais que se repiten campaña tras campaña.

      CCOO advirten tamén de que o reforzo se formula cunha duración limitada a 90 días e con contratación temporal, malia que a realidade dos lumes forestais en Galicia esixe planificación, estabilidade e medios humanos suficientes ao longo de todo o ano. Ao seu xuízo, a loita contra os incendios non pode depender de respostas parciais nin de parches estacionais, senón dunha política pública seria, estruturada e sostida no tempo.

      Tamén critican que a Xunta continúe derivando a SEAGA labores centrais do operativo, consolidando un sistema paralelo que debilita o servizo público forestal. A este respecto, lembran que a prevención e a extinción de incendios son tarefas estratéxicas que deben estar sustentadas por persoal público suficiente, profesionalizado e con condicións laborais dignas.

      CCOO esixe á Consellería do Medio Rural, unha rectificación inmediata sobre esta decisión e unha negociación real sobre o modelo de dispositivo antiincendios. En particular, reclaman a cobertura estrutural das necesidades do servizo mediante emprego público, o reforzo do persoal propio e o abandono das fórmulas temporais e extraordinarias para atender funcións que son claramente permanentes.

      Así mesmo, instan a Xunta de Galicia a explicar por que segue recorrendo a encomendas a SEAGA para cubrir déficits de persoal que a propia documentación oficial recoñece, e a aclarar se ten vontade real de consolidar estes postos no sistema público, tal e como se desprende do propio texto achegado.