FSC-CCOO Galicia | 21 Novembro 2024.

iV CONCURSO DE DEBUXO FSC GALICIA 2024
  • Menú Documentos

    Remata o conflito de LANTERO que duraba xa máis de catro meses

    • CCOO sempre tivo claro que o conflito de LANTERO tiña solución
    • Unha vez alcanzado un acordo previo, foi referendado polo conxunto dos traballadores e traballadoras, que decidiron suspender a folga tras lograren a readmisión das persoas despedidas

    A asemblea de traballadores e traballadoras da empresa cartoneira Lantero, de Vilagarcía de Arousa, ratificou esta mañá por ampla maioría o acordo previo ao que se chegou coa dirección da empresa, polo que se puxo fin a un longo conflito colectivo.

    10/02/2015.
    Lantero

    Lantero

    O devandito conflito orixinouse o pasado mes de outubro, cando a empresa presentaba un ERE de extinción para 32 persoas, ao tempo que externalizaba parte da produción e propuña unha rebaixa salarial media do 24 %. Ante estas medidas, o persoal iniciou unha folga indefinida desde o día 13 dese mes.

    O conflito endureceuse no mes de novembro pola decisión da empresa de despedir o presidente do comité, Jesús López (de CCOO), e propor un novo ERE no que ampliaba a 56 os despedimentos. Finalizado sen acordo o período de consultas deste segundo expediente, o 23 de xaneiro executou 46 dos despedimentos, así como a mingua salarial do 24 %.

    As xestións realizadas desde a Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO ante a dirección da empresa e, sobre todo, a unidade e decisión mostrada polo persoal neste longo conflito, lograron flexibilizar a posición empresarial, destaca o sindicato.

    Finalmente, segundo recolle o acordo previo agora ratificado, non haberá despedimentos forzosos; liquídase a actual situación con baixas incentivadas voluntarias e prexubilacións (ata un máximo de 18) e procederase á readmisión inmediata das persoas despedidas. Ademais, durante un período de 21 meses haberá un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que poderá afectar, como máximo, seis meses a cada traballador ou traballadora. Decídese tamén unha redución temporal do 10 % da masa salarial, e a empresa non externalizará ningunha área de produción, pero si investirá na modernización e ampliación da capacidade produtiva da fábrica. Tamén se producirá, con carácter inmediato, a readmisión do presidente do comité de empresa.

    Para CCOO, queda demostrado, unha vez máis, que a loita das traballadoras e dos traballadores ?moi dura neste caso, con catro meses en folga? e a unidade do persoal cos seus representantes dan os seus froitos. E a solidariedade expresada pola cidadanía fixo posible a resistencia neste longo conflito. Agora é tarefa de todos recuperar a situación dunha fábrica estratéxica no sector e na comarca de Arousa co que é e sempre foi o seu principal activo: as persoas que nela traballan.

    Documentación asociada
    Documentación asociada