FSC-CCOO Galicia | 8 mayo 2024.

1 Maio 2024:. POLO PLENO EMPREGO
  • Menú Documentos

    8M 2021. Vivas, libres, unidas en acción e reivindicación

      CCOO loita acotío polos dereitos das mulleres, pola igualdade efectiva, por unha sociedade asentada na xustiza e na calidade democrática. Unha loita que reivindicamos este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, baixo o lema «Vivas, libres, unidas en acción e reivindicación» e coas etiquetas #VivasLibresUnidas e #Acción8M.

      04/03/2021.
      8M galicia

      8M galicia

      Vivas, porque os asasinatos e outras violencias machistas acernan o noso dereito a unha vida plena e segura.

      Libres, porque reivindicamos o dereito a unha vida con plena autonomía.

      Unidas, porque xuntas somos máis e máis fortes.

      Este Día Internacional das Mulleres cobra especial relevancia porque a pandemia da covid-19 está golpeando as mulleres e AGRAVA DESIGUALDADES ESTRUTURAIS como:

      — A cronificación do paro: 105 305 galegas desempregadas en xaneiro (57 % do total).

      — Hai 24 626 desempregadas máis ca desempregados, a pesar de que hai case 50 000 activas menos.

      — Son mulleres case seis de cada dez persoas que procuran o primeiro emprego.

      — As mulleres son maioría (59 %) entre a poboación que leva máis dun ano buscando un emprego.

      — As mulleres continúan a padecer a fenda salarial e de xénero no mercado laboral e, polo tanto, nas pensións futuras.

      A pandemia tamén ampliou barreiras estruturais sociais para as mulleres:

      — Máis dificultades para as mulleres en situación de violencias machista: maior risco para elas e maior incidencia destas violencias.

      — Déficits en conciliación corresponsable, que agravan a sobrecarga de responsabilidades familiares e de coidados para as mulleres pola carencia de servizos públicos de coidado e a falta de corresponsabilidade dos homes.

      — Lagoas administrativas para algúns grupos de mulleres máis vulnerables, que aumentan o seu risco de exclusión social e de pobreza: maiores, inmigrantes, con menores a cargo, con diversidade funcional, mozas, paradas de longa duración, etc.

      — No ámbito estatal, a ultradereita cuestiona as fendas e violencias de xénero, recortando as políticas de igualdade.

      — A escala internacional, o ataque e o recorte de dereitos sexuais e reprodutivos.

      A pesar do contexto, valoramos algúns AVANCES, froito do diálogo social:

      — ERTE. Foron unha ferramenta esencial para o sostemento do emprego nestes tempos, e máis no caso das mulleres. Máis de millón e medio de mulleres no Estado viron protexido o seu emprego grazas a un ERTE.

      — Ingreso mínimo vital (IMV). Amplía o estado do benestar, cun impacto de xénero positivo dada a feminización da pobreza no noso país. Constatamos que chega devagar ás persoas vulnerables. Débese axilizar o proceso de recoñecemento do IMV, flexibilizar os requisitos de acceso, incrementar o persoal de xestión pública e simplificar o procedemento.

      — Subsidio extraordinario para as traballadoras do fogar afectadas pola covid-19. Malia os problemas na súa xestión e aplicación, supuxo un avance e esperamos que un punto de inflexión.

      — Reais decretos de igualdade. En outubro de 2020 aprobáronse o RD 901/2020, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e o RD 902/2020 de igualdade retributiva entre mulleres e homes. Dúas normas que amplían e reforzan o marco da Lei de igualdade de 2007.

      — Complemento para combater a fenda de xénero en pensións. Facemos unha valoración positiva do novo complemento para reducir a fenda de xénero nas pensións contributivas, pois reverte as exclusións que contiña o deseño orixinal e axústase á sentenza do Tribunal de Xustiza da UE. A pesar destes avances, é susceptible de mellora e perfeccionamento.

      Un 8M en contexto de pandemia

      A actual situación sanitaria impídenos ocupar as rúas coas multitudinarias manifestacións dos últimos anos, pero máis ca nunca e ante o risco de importantes retrocesos, faremos chegar o berro das nosas demandas. Comezando pola demanda sindical #AgoraSiToca. Como traballadoras, como mulleres, aféctanos e reivindicamos #VivasLibresUnidas en #Acción8M.

      Manifestamos o noso compromiso sindical co cumprimento da Axenda 2030, que supón unha guía no noso traballo sindical, e demandamos que se aborden con perspectiva de xénero os 17 obxectivos de desenvolvemento.

      Ante este 8M, RECLAMAMOS

      — A suba do salario mínimo interprofesional (SMI), porque as mulleres están máis representadas nos salarios máis baixos, moitas delas en sectores esenciais especialmente expostos á covid-19.

      — Derrogar as reformas laborais, porque o noso mercado de traballo está lastrado pola precariedade, que prexudica especialmente as mulleres.

      — Derrogar a reforma de pensións do 2013. En Galicia temos das pensións máis baixas do Estado e as pensións femininas son moi inferiores ás masculinas.

      — Un sistema público de coidados baseado no emprego de calidade. Urxe construír un sistema de coidados asentado en servizos públicos, accesible a todas as mulleres e con emprego de calidade.

      — Políticas activas de emprego con perspectiva de xénero. Cómpre investir para eliminar as barreiras estruturais que impiden o acceso das mulleres ao mercado laboral.

      — Políticas, accións e compromiso para erradicar as violencias. Entre outras medidas, formación específica dos corpos e forzas de seguridade do Estado, medidas de prevención das violencias nas empresas acordadas no marco da negociación colectiva, desenvolvemento da inserción sociolaboral das mulleres vítimas e máis efectividade e recursos na aplicación do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

      — Perspectiva de xénero na reconstrución económica. É preciso orientar os fondos europeos para a reconstrución económica desde unha perspectiva de xénero que remedie as discriminacións que sofren as mulleres.

      — Exiximos a ratificación de dous importantes convenios da Organización Internacional do Traballo (OIT): Convenio 189 sobre as traballadoras e os traballadores domésticos e Convenio 190 sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo. 

      No traballo do día a día, para CCOO é #8MSempre e reclamamos igualdade real e efectiva xa. Non pode postergarse coa escusa doutra crise.